
Hoxe, o voceiro de EU-V, César Santiso, desenvolveu unha rolda de prensa para tratar diversos temas sobre servizos sociais dependenza e a necesidade de acadar un pacto institucional para garantir servizos sociais de calidade para os coruñeses e coruñesas.
Desgrazadamente, nestes tempos de fonda crise sistemática, cada día son máis os cidadáns que necesitan o apoio dos poderes públicos para poder subsistir dignamente, poren, diante desta realidade a Xunta do PP está a aplicar grandes recortes como en sanidade, en ensino, nas subvencións as entidades benéficas, e agora incluso no pagamento da RISGA.
Asemade as políticas ultraconservadoras de recorte duro que está a desenvolver o Goberno central, tamén do PP, están a asfixiar aínda máis ás familias traballadoras o que fomenta unha maior retracción do consumo e, xa que logo, maior desaceleración económica que rematará nunha nova recesión coa conseguinte perda de centos de miles de postos de traballo.
Diante desta situación, os servizos sociais xunto coa promoción da reactivación económica local para xerar emprego, deberían constituírse no eixo transversal de todas as políticas municipais.
Xa que logo, Esquerda Unida propón un pacto institucional para definir unha liña estratéxica de actuación en canto a servizos sociais. Non debemos esquecer que máis do 11,5% dos coruñeses e coruñesas atópanse en risco de exclusión social, e dicir que 1 de cada 8 veciños vive no borde da pobreza. Por iso dende Esquerda Unida – Os Verdes rexeitamos que se utilicen os servizos sociais como arma política.
A proposta do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes pretende acadar un consenso que permita manter un alto nivel de calidade dos servizos sociais independentemente de quen ostente o goberno municipal. No devandito pacto deberían incluírse tamén os mecanismos de control e inspección necesarios para asegurar servizos de calidade para as distintas empresas concesionarias como Valoriza que cubre os servizos á dependenza, na que o propio Goberno municipal recoñeceu a incapacidade de cumprir coa normativa en canto ao control bimensual.
César Santiso, indicou que “saúdo a sinceridade do concelleiro de servizos sociais nas súas declaracións de onte, mais delas despréndese a necesidade de executar as medidas correctoras necesarias para cumprir a normativa e acadar a excelencia nos servizos municipais”.
Santiso afirmou que “o Goberno municipal non se pode amparar no incremento da demanda de servizos sociais para argumentar o incumprimento do devandito control bimensual, o Concello ten recursos suficientes para resolver a situación non en vano o cadro de persoal supera os 1500 efectivos, é misión do Goberno local xestionar os devanditos recursos da maneira máis eficiente posíbel, por iso a nosa insistencia no desenvolvemento dun Plan de Reorganización da Administración Coruñesa (PRAC) que permite mellorar os fluxos de traballo e, xa que logo, a eficacia. Así incrementaremos a calidade dos servizos sen custo económico”.
Finalmente, en relación co voto a favor das ordenanzas fiscais para o ano 2012, o voceiro de Esquerda Unida – Os Verdes explicou que “o copago xa se incorporaba nas ordenanzas fiscais aprobadas polo BNG e o PSOE e que de feito nas do 2012 non se modificou a ordenanza relativa a axuda a domicilio onde se inclúe o copago, con todo, coas nosas achegas incorporadas as ordenanzas fiscais conseguimos favorecer á maioría social é dicir ás familias traballadoras e aos mais necesitados, como o demostra o feito de que todos os grupos municipais apoiaron as nosas iniciativas que converten as actuais ordenanzas fiscais nas mais sociais da historia da cidade”.
César Santiso matizou que a obrigatoriedade do Copago e a rixidez dos tramos de pagamento, que deixan pouca marxe de manobra aos concellos, está regulado nunha orden da Xunta de Galicia cando gobernaba o bipartito, concretamente na orde de 22 de xaneiro de 2009 asinada por Anxo Quintana. Así pois, semella que alguén esta a facer un exercicio de dobre moral, renegando no Concello da Coruña do que eles mesmos aprobaron cando gobernaban na Xunta da Galicia.







