jSharing - JA Teline III

Rentabilizar incremento visitantes

Correo-e Imprimir PDF

O turismo de cruceiros está a crecer continuamente nos últimos anos na Coruña, así durante o ano 2012 atracarán 90 barcos cun total de 144.342 turistas duplicando, o número de visitantes do ano 2010.

 

Así, de cumprirse as expectativas do Porto da Coruña, no 2013 superarase o centenar de cruceiros, esta tendenza alcista contrasta coa perigosa situación na que se atopa o sector turístico como amosaron os datos de ocupación hostaleira durante a semana santa cunha redución do 15% en relación co ano 2011, quedando o porcentaxe de ocupación por baixo do 65%.

 

Esquerda Unida esixe ao Goberno local que habilite as ferramentas necesarias para rentabilizar o incremento de cruceiristas, así pois, o Concello xunto cos distintos axentes turísticos debe desenvolver iniciativas que incrementen o impacto económico dos que visitan a nosa cidade, de tal maneira que cando cheguen os turistas observen unha cidade fermosa, limpa, aberta, e brillante ao tempo que teñan claro as distintas rutas de visita e que estas teñan a oferta necesaria para poder incentivar o consumo e, xa que logo, axuden á recuperación económica local. Algo diametralmente oposto á situación actual onde se atopan sen unha oferta turística definida e a pouca que hai non está coordinada para que os turistas consuman na nosa cidade e con desfeitas como a Torre de Hércules pechada, o burato do Parrote que afea unha zona emblemática da nosa cidade, as rúas sucias, os locais do centro baleiros e faltos de mantemento, os barrios da periferia desatendidos ou os turistas sen saber a onde ir cos negocios pechados.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos porque o Concello defina ofertas turísticas que estimulen o consumo dos que visitan a nosa cidade, incrementado o actual impacto económico”. Segundo estudos existentes o impacto económico desta actividade durante o ano pasado foi de sete millóns de euros a razón de 55 euros por pasaxeiro. Apesares de que consideramos os ditos datos excesivamente optimistas, pois estimamos que os cruceiristas non están a gastar esa cantidade no seu paso pola Coruña, consideramos que o consumo pode duplicarse ou triplicarse grazas a unha correcta xestión e coordinación turística que, incluso permitiría aspirar a que o noso porto sexa punto inicial de embarque ou final de desembarque o que redundaría en que a estancia dos cruceiristas pasaría dunhas horas a máis dun día, incrementado exponencialmente o impacto económico.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lembra que ven de propoñer un novo modelo turístico que sexa quen de adaptarse a nova realidade económica que estamos a vivir.