jSharing - JA Teline III

Plan e Centro de Inclusión Social

Correo-e Imprimir PDF

Hoxe o voceiro de EU-V, César Santiso desenvolveu unha rolda de prensa para presentar as iniciativas do grupo municipal de cara a paliar a situación que viven as familias máis necesitadas da Coruña.

 

Esquerda Unida propón a creación dun plan municipal de inclusión social actualizado a crítica situación que estamos a vivir capaz de concretar políticas municipais transversais que afecten a actividade das distintas concellerías, como por exemplo servizos sociais ou emprego e empresas. A proposta de elaboración do Plan Municipal de Inclusión Social ten que realizar un primeiro  estudo das condicións de vida e da pobreza relativa e a exclusión social na nosa cidade para logo desenvolver  unhas áreas de intervención na economía e no emprego, a educación e a saúde, o urbanismo e a vivenda, os servizos sociais, a cultura e a participación cidadá e tamén no lecer e o deporte.

 

O Banco Mundial ven de alertar dunha preocupante e acelerada subida do prezo dos alimentos, debido ao incremento do prezo do petróleo e as condicións climáticas adversas. A institución internacional ven a corroborar o que Esquerda Unida ven avisando dende hai tempo: un escenario de crise sistemática global de dramáticas consecuencias. Así á crise económica e financeira global temos que sumar a crise enerxética derivada do cénit do petróleo e a medioambiental por mor do cambio climático da que derivan as crises alimentaria e hídrica en cernes, todo isto dentro dun escenario de recesión, paro e incremento das persoas en exclusión social.

 

César Santiso indicou que “diante desta alarmante situación os poderes públicos deben ser quen de anticiparse aos acontecementos, actuando con prontitude e dilixencia diante da emerxencia social que se aveciña. Así Santiso explicou que o na actualidade o índice de exclusión social, segundo apuntan algunhas enquisas privadas sitúase próximo ao 20%, mentres o desemprego segue en aumento e moitas familias traballadoras están a punto de rematar os subsidios por desemprego, así as prestacións para emerxencia social incrementáronse un 45% dende que comezou a crise.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta pola creación dun centro de inclusión social onde teñan cabida todas as ONG que traballen no tema baixo a coordinación dos servizos sociais, que  permita despregar os recursos suficientes para unha acción integral a prol das persoas que se atopan nunha situación de grave necesidade. Pois nuns intres de grande demanda semella necesario ampliar a colaboración, compartir recursos e iniciativas para dar unha resposta integral ao conxunto de necesidades das persoas máis necesitadas.

 

Esquerda Unida pídelle ao Goberno da cidade que se dote dos recursos necesarios para atender o exponencial incremento das políticas de inclusión social na nosa cidade e asuma este equipamento como un elemento necesario para combater as consecuencias dunha crise económica e social que vai para longo. Para EU, o equipamento se concibe como un centro polivalente, que permita atender tamén aos elementos estruturais para saír da situación de emerxencia e integrarse de novo na sociedade, non so aloxamento ou alimentación que xa están desenvolvendo entidades privadas sino tamén outras de carácter sociosanitario e sociolaboral, para propiciar a recuperación das persoas usuarias.