ESTA REFORMA LABORAL DESTRÚE OS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA A dereita carga con dinamita contra a clase traballadora. Esta reforma é un atentado contra os dereitos que protexen ó traballador ante a patronal. Así de simple. O PP non é o partido dos traballadores e traballadoras, ¡é o partido da patronal!. Por iso, coa reforma proposta, axeónllanse ante os ditados neoliberais dos mercados. Estes son algúns dos cartuchos de dinamita que emprega o PP con esta reforma para: 1. ABARATAR O DESPIDO. Desde 1980 foi unha teima da patronal. Coa reforma do PP non só o despido improcedente queda reducido a 33 días cun límite de 24 meses nos contratos indefinidos, senón que, apelando a criterios discutibles e que se poden ‘manipular’, a patronal pode despedir ao traballador de forma procedente con só 20 días. 2. FACILITAR O DESPIDO COLECTIVO. Elimina a autorización administrativa para os despidos colectivos. A administración pública desenténdense así dos ERE’s. 3. ESNAQUIZAR A NEGOCIACIÓN COLECTIVA. A presión da patronal imponse á negociación colectiva das condicións de traballo. Aducindo algo tan ‘obxectivo’ como a “competitividade”, a “produtividade” ou a “organización”, a dirección da empresa pode alterar as condicións asinadas no contrato referentes a, entre outros aspectos, á xornada, aos horarios, aos turnos, e ao salario do traballador e traballadora. Mesmo, suspender, sen autorización administrativa a xornada laboral. Elimínase a prórroga automática indefinida dos convenios (a ultraactividade). 4. CREAR INDEFENSIÓN. Detrás da palabra ‘flexibilidade’ agóchase a seguinte sentencia: “acepta as condicións que impoño, ou mañá despídote de forma procedente”. Degrádanse as condicións laborais. 5. PRECARIZAR O EMPREGO. A reforma define a existencia dun novo tipo de contrato indefinido, que será empregado polo 95% das empresas, e que é, en realidade, un verdadeiro contrato-lixo xa que poden despedirnos no primeiro ano sen indemnización algunha e en función da vontade do empresario. 6. PRIVATIZAR E TEMPORALIZAR EMPREGO. As empresas de traballo temporal que, como empresas que son, procuran beneficios a costa da contratación. E se elas se converten en protagonistas únicas, o que teremos é a cáseque única existencia de traballo temporal. Así, con esta precarización, con esta temporalización, imposible planificar, imposible independizarse. FRONTE A ESTE ATAQUE, CÓMPRE REACCIONAR. TEMOS QUE PARALIZAR ESTE PAÍS PARA OBRIGALOS A DAR MARCHA ATRÁS. HAI RAZÓNS DE SOBRA PARA UNHA FOLGA XERAL.




