jSharing - JA Teline III

Navantia

Correo-e Imprimir PDF

Ao abeiro do debate no Congreso dos Deputados dunha Proposición non de Lei do BNG, Esquerda Unida sumará as súas forzas para reclamar un firme compromiso do Goberno do Estado cos estaleiros públicos de Ferrolterra. En concreto sosteremos a necesidade de dotar  unha partida orzamentaria para construír o dique flotante.

 

EU sosterá  o carácter inaprazable da elaboración dun plan de traballo estratéxico que permita dotar de continuidade e estabilidade á carga de traballo dos estaleiros públicos, que xogan hoxendía un papel central no artellamento económico e social da comarca. O seu impacto en volume de emprego  esixe un tratamento particularizado e prioritario por parte do Goberno do Estado e da propia Xunta de Galicia. Ámbas institucións públicas as goberna o PP e, xa que logo, non restan excusas para facer realidade unha arela compartida pola cidadanía de Ferrolterra.

 

Outros dos aspectos que defenderá o noso Grupo Parlamentar versará sobre a conveniencia de acelerar os estudos sobre a nova fragata na que traballa Navantia, que pode representar no futuro un elemento moi importante na carga de traballo.

 

O noso Grupo empraza ao alcalde de Ferrol a facer valer a súa tal condición para que pese no sentido do Goberno do Estado os intereses dos estaleiros públicos de Ferrolterra.

 

Onte nas rúas de Ferrolterra houbo un referéndum multitudinario a prol doutra política laboral e da carga de traballo para Navantia. Hoxe os intereses xerais de Ferrol son coincidentes coas demandas das traballadoras e traballadores de Navantia.

 

EU agarda que en breve se poida celebrar a comparecencia do presidente da SEPI para  coñecer de primeira man cal vai ser a postura do PP no futuro dos estaleiros públicos da comarca.

 

Na intervención parlamentar se defenderá aos traballadores e traballadoras do naval vigués, que loitan por manter os seus postos de traballo entre os atrancos dunha Comisión ferozmente neoliberal. En todo caso a situación de creba dos estaleiros vigueses privatizados deixa en evidencia a que conducen os atallos que malvenden patrimonio industrial público. Lembrámolo porque non hai moito xurdían ofertas para malvender Astano a un dos propietarios hoxendía en creba.