jSharing - JA Teline III

Praza de España

Correo-e Imprimir PDF

O Grupo Municipal de Esquerda Unida empraza ao alcalde de Ferrol a aplicar a austeridade en materia de ocorrencias  travestidas de proxectos, e a aforrar o gasto anunciado para volver cambiar cousas na Praza de España.

 

Este Goberno Municipal teima en contrarreformar os proxectos previos, nunha furia sectaria que nos custa centos de milleiros de euros á cidadanía. Xa abondo nos custaron as ideas do PP sobre a Praza de España no pasado como para que tornen a imaxinar máis cousas para este espazo público. O que lle importa ás persoas traballadoras, á cidadanía de Ferrol é o reto  de garantir protección  social ás persoas golpeadas pola crise e as respostas neoliberais que se seguen a aplicar logo de ter causado a actual crise e recesión; en resumo, EU defende que non hai que malgastar en obras innecesarias ou superfluas os cartos públicos.

 

Por poñer un exemplo do necesario e do superfluo, quérense gastar na Praza de España unha cantidade de preto dun millón de euros, cando o que se precisa con urxencia é a intervención na praza do Callao.   Se esta última intervención semella urxente dado o deterioro do espazo e a densidade de tráfico que soporta, a intervención na praza de España cheira a unha das ocorrencias e modificados deste Goberno, insatisfeito con calquera obra pasada.  A recreación virtual  que se publica hoxe supón unha ráteo árbore-euros desmesurada: para plantar unha decea de árbores o custo dispárase a 100.000 euros por exemplar.

 

“Prudencia e austeridade semellan aconsellables para que o PP non volva a reabrir unha Praza onde cometeu erros abondo no seu anterior Goberno Municipal,” sinala Javier Galán. Se queren plantar árbores que o fagan coa cuadrilla municipal, pero que se aforren centos de milleiros de euros nun proxecto-ocorrencia.

 

A nosa organización chama a atención ao Goberno Municipal por reiterar o mal estilo antidemocrático de exhibir fotomontaxes nos medios de comunicación que son descoñecidos para os Grupos Municipais da oposición.

 

Pedimos en suma que non xoguen cos cartos públicos en cuestións innecesarias neste intre, cando tantas necesidades sociais e pobreza restan desatendidas na nosa sociedade.