Na maná de hoxe unha delegación de Esquerda Unida encabezada pola Coordinadora Nacional, Yolanda Díaz, mantivo unha xuntanza co Sindicato Labrego Galego representado pola súa Secretaría Xeral Carmen Freire para tratar, entre outros temas, a Folga Xeral que se desenvolverá na Galiza, pola defensa do sistema público de pensións.
Esquerda Unida manifestou o seu apoio a devandita folga ratificándose, unha vez máis, na defensa da clase traballadora, asemade acusou ao goberno do Estado, coa conivencia do PP, de buscar a destrución do sistema público de pensións, proseguindo coa súa política de sumisión total fronte o capital causante desta crise.
Pola súa banda o Sindicato Labrego Galego tamén manifestou o seu apoio a Folga Xeral do 27 de xaneiro, recordando que esta é unha crise do sistema capitalista, na que a clase traballadora é a que está a sufrir as súas consecuencias, facendo mención explícita a grave situación na que se atopan as mulleres labregas de Galiza.
Tanto Esquerda Unida como o Sindicato Labrego Galego concordan en que é o momento da unidade de tódalas organización sindicais, políticas e sociais de esquerdas nunha fronte común de loita ante as agresións que se están a realizar tanto dende a Xunta como dende o Goberno Central.
Por último acordouse, unha vez realizada a folga, que EU e o SLG se volvan a reunir para falar con maior profundidade de temas como a nova lei de augas, a problemática da leite e, sobre todo, das distintas achegas e suxestións en materia agrícola de cara ao programa electoral para as municipais.










