jSharing - JA Teline III

Manifestación solidariedade con Cuba

Correo-e Imprimir PDF

Esquerda Unida participará activamente con faixa propia na manifestación en solidariedade con Cuba convocada pola Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil". A nosa organización fai un chamamento a toda a cidadanía alternativa e transformadora de galiza, a participares na manifestación que sairá da compostelá praza da Alameda o domingo 18 de abril as 12:30 h. 

 

Desde EU consideramos deplorable o cinismo que mostra a dereita europea ao pretender instrumentalizar a morte de Orlando Zapata para manter a Posición Común ante Cuba. A mesma dereita que agora clama polos dereitos humanos é a que impediu a condena por parte do Parlamento Europeo do golpe de estado en Honduras, a que non se pronuncia ante as violacións dos dereitos humanos en Colombia cos continuos asasinatos de sindicalistas e a aparición da maior fosa común, a que mira para outro lado ante o sufrimento do pobo saharauí ou as vítimas civís no conflito de Afganistán.

 

A Posición Común foi aprobada pola dereita europea en 1966 baixo Presidencia española de José María Aznar e imposibilita unha relación integral e aberta coas autoridades cubanas sobre a base dun interese recíproco. A República de Cuba manifestou reiteradamente que no marco dun diálogo entre soberanos e iguais, sen condicións, segue aberta a debater sen limitacións sobre calquera cuestión de interese mutuo, incluíndo os dereitos humanos.

 

Esquerda Unida esixe que se retire a Posición Común da UE con Cuba, porque supón un trato de excepción que a UE non ten con ningún outro país. É necesario acabar coa Posición Común para permitir un diálogo político que contribúa ao desenvolvemento bilateral coa esixencia de acabar co bloqueo imposto pola administración norteamericana que contraviene as resolucións das Nacións Unidas.

 

A pesar da presión mediática que o poder do capital pretende inculcarnos, Esquerda Unida afirma que en Cuba se respectan os dereitos humanos. A prestixiosa ONG Amnistía Internacional recoñece que en cuba non se comenten delitos como asasinato político, tortura, desaparicións, secuestro ou tráfico de seres humanos. Así mentres Cuba forma parte, por quinto ano consecutivo de Consello de Dereitos Humanos da Nacións Unidas co apoio dos países do terceiro mundo, EEUU quedou fóra.

 

Esquerda Unida entende que o modelo político, social e económico cubano, aínda que non sexa perfecto e poida ser mellorado en moitos aspectos, é máis xusto eticamente, máis democrático politicamente e máis sostible social e ecoloxicamente que o que ofrece a sociedade capitalista. Para comprender a nosa posición é necesario desposuírse dos prexuízos inculcados polo poder mediático e acudir ás fontes de datos fidedignas, así podemos afirmar que:

 

Cuba non é unha ditadura

O pobo cubano aprobou en 1976, co voto favorable do 97% do electorado, unha constitución democrática que recoñece e garante os dereitos fundamentais amparados na declaración universal dos dereitos humanos e é na actualidade unha das máis avanzadas do mundo. Cuba celebra eleccións cada 5 anos na que non se presentan partidos políticos senón que hai libre concorrencia de candidatos, que son propostos polas asembleas populares de cada ámbito ao estilo da democracia asemblearia da Revolución francesa.

 

Cuba non está no limiar da pobreza

A pesar de levar medio século de bloqueo, segundo o informe do programa para o desenvolvemento de Nacións Unidas elaborado en 2006, Cuba ocupa o posto 50 en desenvolvemento humano elevado sobre un total de 177 países estudados. Segundo UNICEF Cuba é o único país de América latina que erradicou a desnutrición infantil e ostenta a taxa de mortaldade máis baixa, máis ata que a de EEUU. Ademais exhibe a esperanza de vida máis alta (78 anos) entre os países do chamado terceiro mundo.

 

As Nacións Unidas recoñeceron que Cuba dispón dun dos mellores sistema de saúde e educativo do mundo, de carácter público, gratuíto e universal. O analfabetismo está erradicado desde 1961. A nivel cultura, en Cuba edítanse 80 millóns de libros e ródanse 6 películas ao ano, existen 11.000 instalacións deportivas gratuítas e 65 escolas de arte.

 

Cuba é sostible medioambientalmente

Segundo o informe presentado en Pequín en 2006 pola asociación ecoloxista WWF-Adena Cuba é o único país que cumpre cos criterios mínimos para a sustentabilidade ecolóxica.

 

Cuba é solidaria

Cuba é un dos países máis comprometidos co terceiro mundo, con máis de 271.000 cooperantes, sendo o país do mundo que máis médicos achega ao programa de Nacións Unidas contra a SIDA, triplicando os achegados por EEUU e a UE xuntos.