jSharing - JA Teline III

Queremos decidir: referendo xa!

Correo-e Imprimir PDF

Fomos milleiros de traballadoras e traballadores os que onte saímos á rúa para mostrar o rexeitamento ás inxustas e innecesarias medidas que este goberno está a impoñer sen criterio algún.

Esquerda Unida considera un gran éxito as mobilizacións do 19X en todo o país amosando unidade na acción sindical ante a necesidade dunha folga xeral. Dende Esquerda Unida celebramos a tan demandada unidade sindical porque a cremos  posible e necesaria para artellar un único fronte contra o inimigo común. A cidadanía non quere someterse aos ditados dun goberno mandado polo capital. As medidas impostas polo goberno de Rajoy son unha fraude electoral; ademais de inxustas, son contrarias ao que tan só hai sete meses estaba a prometer ante os seus seguidores. Esta crise que nos contan é a escusa utilizada polo sistema para consolidar un novo modelo de sociedade excluínte e limitada democraticamente, por iso as medidas de axuste impostas están acompañadas de recortes de dereitos e liberdades. Non é unha crise é unha estafa!

A Executiva Nacional de Esquerda Unida, manifesta que hai alternativas que non son os recortes. Hai moitas maneiras de mellorar a nosa situación sen pasar polos recortes que empobrecen aínda máis á cidadanía. Inversión pública para reactivar a economía, apostar por un cambio de modelo productivo sustentable e non dependente do petróleo, adoptemos unha reforma fiscal progresiva, loitemos contra a fraude fiscal, fixemos o tramo do 35% ao Imposto sobre Sociedades...namentres existen opcións, o goberno do PP prefire aplicar a lei do embudo e lexislar contra a maioría social.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, afirma que “queda claro que hai que someter a referendo as medidas de recorte aprobadas polo goberno de Rajoy”. Onte quedou demostrado que a unión nos leva á acción, milleiros de persoas esixen un referendo sobre o decreto 20/2012 no que sen ningún tipo de contemplación se desprotexe á cidadanía no momento en que máis protección precisa. A clase traballadora en xeral, e sobre todo as persoas sen emprego, xunto coas pensionistas, é o colectivo peor tratado e só recibe paus do goberno central, mentres os culpables da situación seguen sen seren xulgados.

Por todo isto, dende Esquerda Unida aplaudimos a unión reflectida nas rúas contra o inimigo común, facemos un chamamento á rebelión democrática e manifestamos a necesidade de convocatoria dunha folga xeral acorde cos abusos practicados polo goberno do PP.