jSharing - JA Teline III

Nucleares? Non grazas

Correo-e Imprimir PDF

alfredo.jpg - 1.15 Kb

ALFREDO IGLESIAS DIÉGUEZ

Galicia Hoxe

O accidente na central nuclear de Fukushima reanimou o debate arredor da enerxía nuclear; aínda que os defensores desa alternativa enerxética insisten en que non é o momento de tomar decisións.

 

Porén, os que a levamos rexeitando dende os oitenta, cando nos manifestabamos en contra do uso civil e militar desa enerxía, no primeiro caso porque accidentes como o de Harrisburg -e logo Chernobyl- e a vertedura de residuos radioactivos na fosa atlántica -e outros mares, lembremos que o tsunami do océano Índico de 2004 arrastrou ás costas de Somalia bidóns radioactivos como os que se vertían fronte ás costas galegas ata 1985, cando logo de catro anos de intenso activismo antinuclear (ao que fai referencia Rebeca Fernández no seu blog Pensa en verde), logrouse que a Convención de Londres acordase unha moratoria indefinida dos vertidos-, advertían dos riscos derivados de erros na seguridade das centrais e na xestión dos residuos e, no segundo caso, para pór freo a unha perigosa carreira de armamentos nucleares que entrelazou as loitas dos movementos pacifista e antinuclear -lembrade que na pregunta que se nos fixo no referendo do 12 de marzo de 2006 con relación á permanencia na OTAN establecíase expresamente que en España non se almacenaría armamento nuclear-, teremos algo que dicir, pois non nos move nin o pánico nin a demagoxia, senón a reflexión serena.

De feito, polo que a min respecta, cando o ambiente estaba menos tenso, o 16 de xaneiro de 2007, argumentaba catro razóns en contra da enerxía nuclear: primeira, dicía nese artigo, non é unha enerxía renovable, pois nas actuais condicións de demanda os recursos de uranio esgotaranse no 2035, polo que o problema que se pretende resolver co uso desa enerxía segue sen solucionarse; segunda, é unha enerxía perigosa para a saúde humana e para o medio natural en todo o seu ciclo produtivo -como constatan os diferentes accidentes nucleares, non só o de Harrisbug, Chernobyl e Fukushima, en diferentes graos de perigosidade-, e produce, esa era a terceira razón, residuos altamente perigosos e duradeiros; cuarta, a enerxía nuclear non é viable economicamente, pois de non ser polo investimento público ao capital privado non lle sería rendible.

Daquela, fronte a quen sostén que a enerxía nuclear é segura e barata, cómpre alegar: primeiro, que a enerxía nuclear non é segura -abondan os argumentos que o proban, non cómpre insistir-; e, segundo, que a enerxía nuclear é extremadamente cara, centrémonos neste aspecto económico e, tamén, enerxético. Efectivamente, comezando polo final, cómpre cuestionar a eficiencia enerxética dunha enerxía que consome tanta enerxía na extración, purificación e transporte do mineral e na construción das centrais e dos cemiterios nucleares. Unha ineficiencia, ademais, que ten consecuencias económicas: soamente é posible afirmar que a enerxía nuclear é barata excluíndo dos seus custos a construción das centrais e dos cemiterios nucleares e o tratamento durante varios milleiros de anos dos residuos..