jSharing - JA Teline III

O modelo capitalista e a cultura

Correo-e Imprimir PDF

ron.jpg - 32.35 Kb

Xabier Ron

 

Galicia Confidencial

 

Moito me temo que sexa outra mostra máis do acelerado proceso de descomposición ideolóxica que azouta esta sociedade capitalista. Refírome a todo o que se agocha detrás da Cidade da Cultura.

 

 

A descomposición reflíctese na destrutiva contradición que percibo entre dous niveis da política, a que identificarei como política do discurso, que situarei no centro do Estado, e a política dos xestos, que localizo no eido nacional-local. A contradición viría a ser algo así como que os xestos invalidan o dicurso pronunciado no centro.

 

O modelo chamado ‘Cidade da Cultura’ é emblemático desta contradición. Nestes días asistimos a unha verdadeira onda xigante homoxeneizadora. Parte de un medio de información, e prende aos poderes políticos, e faise en nome da plena conformidade de todo un pobo, o local, elevado a paradigma nacional.

 

Loxicamente, a esta sociedade non se lle preguntou. Só se escolleron anaquiños de voces que se erixen como representativas do todo social. Opinións tecnócratas que residen principalmente no xesto local afírmanse como globalidade nacional...desde o medio de información, que, deste xeito, se converte en brazo executor dos supostos desexos de toda a sociedade galega.

 

No xesto local, tendo en conta a desideoloxización do proceso e a propia forza da onda homoxeneizadora, todos os representantes políticos acollen como propia a imaxe proxectada desde ese medio. E, baixo a presión do mesmo, baixo as luces mediáticas, nestes tempos pre-electorais, (re)afirman a forza e validez desa globalidade ficticia. O local é revestido como mito nacional en base a un novo símbolo que desexa crear unha nova tradición que, paradoxalmente, lle dá as costas á propia tradición endóxena de Galicia.

 

Ademais, a diversidade e a pluralidade esmorecen baixo o pensamento único. Quen ouse ser crítico, realmente crítico, e cuestionar a validez do modelo proxectado enfróntase á demonización, ao desprestixio porque nada pode rachar a ficción-símbolo da unidade nacional.

 

Un xa non sabe se asiste a unha curiosa forma de compra-venda de vontades, ou se realmente acreditan no que afirman. Pero, cando escoito as críticas a que, aí onde reside a política do discurso, a dereita xoga a unha re-centralización que discute a eficacia das comunidades autónomas, penso que a contradición é enfermiza. En efecto, o proceso do novo símbolo-mito ao que asistimos coa Cidade da Cultura non é máis que unha re-centralización en clave nacional.

 

A cultura é un proceso dinámico, vivo. Non unha cápsula enlousada.

 

O profesor Bermejo Barrera definira no seu libro ¿Para que serve a historia de Galicia? (Lóstrego, 2007, p. 11) todo o que se proxectaba como a fábula da cidade culta. Unha cidade non vive sen habitantes: sería unha cidade-pantasma. De aí a constante re-creación de ideas máxicas (teleféricos, pasarelas de cristal....) para levar aos cidadáns a esa nova cidade.

 

Para os ideólogos do capitalismo a cultura é un algo material que se compra e se vende. Bermejo Barrera afirmaba que se crean novos destinatarios culturais, os turistas, o consumidor masivo ideal “que veñen vernos, nun mundo no que a cultura é só un simulacro” (p. 26). De aí que teleféricos e pasarelas de cristal sexan un elemento máis para a venda do produto chamado Cidade da Cultura.

 

O paradoxo leva a que canto máis turistas visiten a cidade sen habtantes, menos cultura existirá e si máis simulacro. E, ao mesmo tempo, máis dificultades para o afortalamento da cultura de base e a pervivencia dos elementos xa preexistentes na verdadeira cidade habitada. En efecto, cando os uniformizados e mediatizados pensamentos afirman que a CdC será importante para o turismo de congresos, xa están establecendo competitividade –paradigma do capitalismo- entre este novo símbolo e a propia universidade.

 

A rendibilidade económica, a maximización de beneficios é o mantra do capital. E iso todo está contido na ficción que se constrúe no monte Gaiás. As voces ben aleccionadas definen como “motor económico” de Galicia á Cidade da Cultura, deixando ben claro cal é o concepto cultural que se está manexando: un concepto en consonancia co capitalismo, onde todo é mercadoría e todo ten un prezo.

 

O pensamento único, o inoculado polos axentes e xestores do capitalismo, andan nestes días insistindo no mesmo a través de tres feitos mastodónticos devoradores: o AVE (na mobilidade e desartellamento territorial), a CdC (no modelo cultural), o mastodonte Marineda Plaza (no modelo comercial), veñen definidos todos como motores económicos e os dous últimos como cidades dentro da cidade.

 

O certo é que os tres son modelos insustentables e insolidarios, dignos do mellor capitalismo neoliberal.