jSharing - JA Teline III

19 de abril Folga no ensino medio

Correo-e Imprimir PDF

O idioma galego padeceu un longo proceso de ataques e discriminacións que xeraron a actual situación de diglosia, por iso EU-V compromete o seu quefacer para conseguir a plena e efectiva normalización lingüística, que faga real o galego como lingua propia de Galicia.

 

Esquerda Unida apoia a folga convocada para parar os ataques contra o galego. Folga que afecta o 2º ciclo da ESO, Bacharelato, Ciclos formativos, EPA, e Ensinanzas Artísticas e Especiais que A Mesa Pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, xunto coas organizacións estudantís: Comités, Liga Estudantil Galega e Sindicatos de Estudantes, convocaron para este xoves 19 de abril baixo o lema “paremos os ataques contra o galego” e chama ao conxunto do estudantado de ensino medio a baleirar as aulas nesta xornada de loita.

 

A Área de mocidade de esquerda unida chama aos estudantes a participares na folga do ensino medio do 19 de abril por consider xusta e necesaria esta mobilización que se produce nun contexto de ataques á lingua galega que poñen en perigo os avances acadados nos últimos trinta anos en materia de normalización lingüística, comprometéndose a realizar todo o traballo posible de difusión da mesma para asegurar o éxito da convocatoria.

 

Para Esquerda unida – Os Verdes a Xunta de Galicia lonxe de impulsar medidas para fomentar o uso do galego, agrediu o noso idioma con medidas como o decreto do plurilingüísmo na ensinanza non universitaria, xa que logo, consideramos acertada a crítica dos convocantes ó Goberno da Xunta do PP, este non impulsou ningunha medida para fomentar o uso do Galego, pola contra o  actual Decreto (79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüísimo na ensinanza non universitaria de Galicia) supón unha agresión política contra o idioma propio da nación e un retroceso respecto a todos os decretos aprobados dende a promulgación da Lei de normalización lingüística de 1983, como xa predixo Esquerda Unida durante a súa tramitación a aprobación do Decreto supuxo un descenso do uso do Galego no ensino, o porcentaxe de horas lectivas no noso idioma rolda o 20% por debaixo do 30-50% que obriga a lei segundo o grao de introdución da terceira lingua; outra medida negativa da Lei é a prohibición do Galego para impartir materias científicas (Matemáticas, Física e Química e

Tecnoloxía) o que supuxo un gasto innecesario, aínda máis en tempos de crise, para substituír os libros en Galego.

 

A lingua galega, minorizada pola imposición secular dun poder político alleo as necesidades e arelas do pobo galego, require -para facer efectiva a súa normalización- ser a lingua vehicular na escola, é un feito cientificamente demostrable que as linguas febles como a Galega necesitan da discriminación positiva para garantir a competencia do alumnado, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que "en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego" e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”. Con todo as bases do “decrétazo lingüístico do PP” apuntan cara a progresiva desaparición do Galego como lingua viva e de cultura, na procura do pensamento único tan característico dos gobernos neoliberais. A nosa organización reclama abrir un amplo diálogo social para conseguir unha plena e eficaz aplicación da lei e do plan de normalización lingüística no que ninguén se sinta excluído.