
Tendo coñecemento dalgunhas características do Plan Aluga, que modifica os treitos e as condicións do anterior plan posto en marcha polo Bipartito, a secretaría de Movementos Sociais de Esquerda Unida denuncia as malas prácticas do Plan Aluga, sobre todo considerando os tempos de crise, e cando os efectos do plan de axuste do goberno central aínda están por experimentarse.
Algunhas das medidas do Plan Aluga semellan pensadas para beneficiar ás persoas que máis teñen (máis salario; máis vivendas acumuladas), incluíndo ao respecto, e de forma previsible, a empresas privadas do sector inmobiliario. Para esta secretaría un salario de case 1900 euros, sendo o que é a media salarial en Galicia, é un bo salario. E recibir unha axuda do 30% en materia de aluguer seméllanos desproporcionado se a comparamos coa axuda que recibiría unha persoa con salario base (IPREM 532,51 mes / SMI 633,30) que apenas duplicaría (70%) a do que ten un salario de case 1900 euros. Esta política é inxusta socialmente. É como se se fixese unha Lei que anunciase que lle subvencionaremos a matrícula do centro privado ás persoas que levan os seus fillos aí, mentres lle seguen recortando posibilidades aos centros públicos...O mundo ao revés! E claro, por se non fose suficiente, tamén imos pagar as reformas desas vivendas baleiras. Cantas familias poden permitirse ter unha primeira vivenda, unha segunda e ter vivendas baleiras??? A quen beneficiamos de forma encuberta???
Pero, con moito, a noticia máis negativa, é que “persoas xurídicas” (i.e. empresas) podan beneficiarse do Plan Aluga. Para Esquerda Unida que o diñeiro público de todos os galegos e galegas sirva para pagar a empresas do sector inmobiliario causa anoxo. Cómpre non esquecer que os milleiros de vivendas baleiras en mans de promotoras débese á cobiza, á especulación desmedida que inflou os prezos por riba da capacidade adquisitiva das persoas e alimentou a burbulla que finalmente estourou contribuíndo de xeito notable á situación de crise xeralizada que padecemos.
Para que as vivendas baleiras teñan uso, os promotores deben alugalas a un prezo social. Nada máis. E a Xunta debe establecer as canles oportunas para que isto sexa así... pero non co diñeiro público cando se está falando todos os días de redución de gasto público. É de supoñer que os promotores preferirán sacarlle algún rendemento a telas baleiras. O que sucede é que aínda agardan a quimera da venda a prezos aínda desorbitados. Que teña que ser o diñeiro de galegos e galegas o que subvencione esas vivendas baleiras a promotores cobizosos...causa, insistimos, anoxo.
Se se quere incentivar o aluguer cómpre unha bolsa pública de pisos en aluguer con prezos pensados nas condicionantes socioeconómicas. Que contempla a Xunta cos milleiros de familias galegas que viven na soleira da pobreza? Que pasa coas persoas que non teñen sequera renda? Non teñen dereito a unha vivenda digna? Que programa de acceso lle ten reservado o goberno da Xunta? Ou é que só contan as persoas con “diñeiro”??