jSharing - JA Teline III

Quen somos?

logo eu

UNHA ESQUERDA ALTERNATIVA PARA O PAÍS INVISIBLE

 

Esquerda Unida constitúese como o movemento político e social da esquerda nacional galega.

 

Esquerda Unida fórmana mulleres e homes que militan nese país invisible, que de cote produce a fermosura da resistencia organizada diante da barbarie capitalista que esmaga aos pobos e explota as persoas.

 

As razóns son abondo para militar no soño dun porvir emancipado, porque os soños son o combustible renovable a partires dos que se constrúe un mundo sen explotación, alienación, dominación e necesidade, outro mundo posible alén do capitalismo da globalización neoliberal.

 

Porque as vellas fórmulas de organización da esquerda necesitan dunha fonda transformación, Esquerda Unida se organiza como un movemento político e social, artellado en asembleas de base e mediante a fórmula de áreas de elaboración programática, como espazos para o encontro, a achega e a loita social de militantes e simpatizantes.

 

Porque o noso país necesita dunha análise e proposta programática radical, acaída ás fondas necesidades de transformación social da nosa cidadanía, Esquerda afirma o seu compromiso coa construción do socialismo no noso país e afirma a súa vontade de realizar un contributo tan humilde como necesario á conformación dun bloque histórico que funde unha Galicia outra, conformada no ronsel da Alba de Groria, das revoltas irmandiñas á primavera republicana.

 

Porque non se pode aturar a sistemática de agresións a nosa lingua e cultura, a voadura dos fráxiles aramios que sosteñen a patria de Rosalía, Esquerda Unida vai procurar xunguir ás forzas do traballo coas da cultura, traballadoras ámbalas dúas  dun páis invisible que se quer libre, digno e crítico.

 

Porque a nosa cidadanía, cidadanía da nación galega, esa sorte de país invisible  que milita contra o poder do capital, vive e fai vivir a nosa identidade nacional, Esquerda Unida afirma o seu compromiso co autogoberno nacional e o dereito de autodeterminación, para producir unha federación de pobos libres e iguais.

 

Porque as mulleres do noso país non teñen acadado máis que igualdades de papel, leis e normas deturpadas pola maridaxe infame dun patriarcado funcional ao capitalismo, Esquerda Unida sabe do valor da organización propia das mulleres, das políticas públicas de igualdade e do noso protagonismo para liberar o esprito da Balteira de Lorenzo Varela, co lume nos ollos i o aire nos pés, para cambiar a Galicia de base.

 

Porque o país non resiste a continuación dunha única política económica desarrollista, feita por uns, asumida por outros, que destrúe o país e os seus recursos no canto de producir beneficios para uns poucos: cada moeda acuñada deste xeito leva arrincado un anaco verde do país, Esquerda Unida sostén o valor do decrecemento sustentable como fórmula para que haxa mil primaveras máis na nosa terra.

 

Porque non haberá un país con dignidade sen recuperar a memoria histórica agochada pola infamia da ditadura e os consensos da transición, Esquerda Unida fai súa a loita cultural e ideolóxica na defensa e exaltación de todas e todos os que resistiron e loitaron contra o fascismo, na guerra e na ditadura, e produciron a historia da dignidade do noso país naquel tempo.

 

Crítica, dignidade e traballo son as ferramentas para pelexar xuntos polo noso país, pola maioría social traballadora galega, para produciren un país invisible maioritario.